Mostrando entradas con la etiqueta Memoria. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Memoria. Mostrar todas las entradas

19 sept 2021

"Castañas da curripa" restauración da curripa.


 

Como xa vos comentamos na entrada anterior (Fase 0), andamos co proceso de curado da castaña en curripas das Fragas do Eume.

Hoxe fomos restaurar a curripa un equipo multidisciplinar formado por veciñas e persoas das asociacións: RuralC, Asociación de Veciños/as de Taboada, EuroEume, e un arqueólogo de Terra de Trasancos.

A curripa na que estamos traballando pertence á asociación Betula e queda dentro do Parque Natural Fragas do Eume. Ten unha tipoloxía bastante curiosa, porque é cuadrada. Hainas de moitas formas, romboidales, e semicirculares, aínda que nas Fragas as que nós coñeciamos eran redondas. Din que nesta zona hainas deste tipo. A que ten Betula en Fornelos é semellante en tamaño e forma.


Levamos algunhas ferramentas básicas e un tronzón, e comida para traballar todo o día. O traballo consisitiu en: 

Abrir o camiño e cortar árbores secas e troncos caídos para facilitar o acceso. Limpar a zona da curripa e acomodar un sitio para instalarse. Cortar as 3 árbores que caían sobre os muros da curripa. Examinar a construción e os muros cos técnicos e co arqueólogo. Restaurar os muros caídos. Coller pedras polos arredores e traelas até a curripa. Limpar o chan e sacar as pedras enterradas. Construir o muro.


 
Foi unha xornada estupenda, de veciñanza e traballo en equipo, na que aprendimos e compartimos coñecementos.

 

16 sept 2021

"Castañas da Curripa" Fase 0

 


Hoxe, 16 de Setembro, fomos visitar unha das curripas que custodian a Asociación Bétula
A visita forma parte da fase 0 do proxecto "Castañas da Curripa" que consiste en facer castañas curadas nas curripas dos soutos das Fragas do Eume.
O obxectivo principal é recuperar a práctica e o coñecemento entorno á castaña conservada en curripa. Os obxectivos secundarios son publicar os resultados obtidos da investigación, compartilos e realizar actividades entorno a esta práctica e produto.
Tras facer o proceso de restauración da curripa e curado, as castañas extraídas serán analizadas por un equipo mixto no que participarán informantes, persoas do equipo do proxecto e degustadoras profesionais. 

O proxecto ten diversas fases. Vai desenvolver paraleamente unha investigación e un traballo de recopilación de memoria con informantes da zona e con material de arquivo.

Estamos sumando a colaboración doutras asociacións do territorio e desenvolvendo a primeira parte do proxecto. Traeremos máis novas.



1 oct 2019

O libro "Historias de Miño"

O libro é unha publicación que forma parte do proceso "Historias de Miño", iniciado no 2017.
Un proceso de cultura de base que ten como obxectivo poñer no centro da cultura ás persoas veciñas e as súas vidas, facelas protagonistas e creadoras de historias ligadas ao seu territorio.
As historias foron recollidas en todas as parroquias do concello de Miño, entre setembro de 2017 e decembro de 2018, a partires de derivas, visitas e conversas polas casas, rueiros e centros sociais.
Na web de Historias de Miño podes ver todas as historias, ilustracións, fotografías relacionadas, un mapa coas historias situadas e máis información.





O libro está producido e autoeditado pola Asociación RuralC.
Escrito por Vanesa Castro e Iñaki López.
Maquetación, deseño e ilustracións, por Iñaki López.
Edición por Vanesa Castro.
Tamén contamos coa colaboración de Lourdes Rodríguez Freire.

No libro pódense atopar historias sobre a cultura, o patrimonio etnográfico, antropolóxico e natural, as praias, a ría, o mar. Sobre o xeito de vivir da xente antigamente, os hábitos, os oficios e os traballos, as crenzas, os animais e os cambios sociais e tecnolóxicos.

O libro publícase nunha edición de 150 exemplares. Dos cales regálanse uns 50, repartidos entre as persoas e familias que participaron directamente, os centros sociais de cada unha das parroquias, asociacións veciñais, como a asociación de amas de casa de Miño ou a asociación de veciños a Irmandade, de Bemantes.
Tamén regálase as Bibliotecas Municipais (de Miño e Pontedeume), Biblioteca Nacional, Biblioteca de Galicia, Depósito legal, e outras entidades e fundaciones.
Os demais están a venda contactando coa asociación, ou nas librerías de Miño, Betanzos e Pontedeume, a partires do día 28 de Setembro do 2019.

Se estás interesada en adquirir un libro, contacta por mail con: hola@ruralc.com



O sábado 28 de Setembro presentamos o libro no centro social da Rúa de Miño. Ao acto acudiron persoas veciñas, algunhas delas protagonistas das historias, outras que colaboraron no proceso e moitas outras interesadas. 
Limos as historias e comentámolas. Falamos da negativa do actual equipo de goberno para continuar colaborando neste proceso cultural. Tamén falamos do futuro do proceso e da súa continuidade, así como de futuras actividades relacionadas coas historias.

Durante os seguintes días entregamos os libros ás veciñas participantes que non puideron vir ao acto de presentación, visitándoas nas súas casas e nos locais sociais das distintas parroquias.


Foto coas veciñas de Bañobre.


18 ago 2019

Primeira andaina das Historias de Vilachá

.

O pasado sábado 17 de Agosto fixemos a andaina das Historias de Vilachá.
A actividade consistiu nun roteiro polos lugares emblemáticos onde suceden algunhas das historias e relatos que aparecen no libro publicado no 2018, facendo lectura dos relatos nas paradas.
Formamos un grupo de 19 persoas, a maioría veciñas da parroquia. A actividade foi dinamizada por Vanesa Castro, veciña da parroquia e axitadora cultural.


Comezamos no Cruceiro, e acercámonos até o adro da Igrexa onde fixemos unha introducción lembrando as veciñas e veciños que xa non están con nós, e que forman parte da memoria viva da parroquia. Neste lugar lemos:  O velorio e as visitas, O enterro e A tortilla.


Partimos até o Loureiro, paramos na casa de Consuelo, e recordámola. Lemos A madeira, As papas de fariña, Odín, e Eras boa para ser cativo. Estivemos falando do pan branco de Vilachá, do maínzo para as papas, e das sementes autóctonas.


A seguinte parada foi no cruce das brañas embaixo do Feal. Alí falamos das granxas de vacas, e lemos As vacas, A visita e As flores das brañas.


Continuamos até a ponte que vai de Goente ao Casal, onde lemos O río, As troitas e As pontes. E de ahí fomos bordeando o coto de Fradiz até baixar á ponte e ao muíño do Loureiro, lugar onde sucedeu A paga de Pascua e onde lemos tamén Os muíños.


Fomos até o Piñeiro e baixamos á antiga Presa de Rexo onde lemos A presa , O libro do indiano e O pedrazo. Aínda que comezaba a chover un pouco paramos na ponte do Piñeiro e estivemos vendo as antigas chantas e falando da pesca das troitas.


Logo tomamos o camiño para A lagoa, antigo campo de fútbol da parroquia, onde se coñeceron os primeiros balóns de coiro. Alí lemos A pelota de pau e estivemos rememorando onde estaban as porterías e onde se sentaba a xente a ver os partidos.
Tras dúas hora e media de camiñata fomos acabar ao Bar do Cruceiro, onde lemos algunhas historias relacionadas co Bar, como O teléfono, A radio e A tele.
Foi unha tarde de lecturas, aventuras, lembranzas e veciñanza.
Unha veciña comentaba, canto vou soñar esta noite.
 



12 ago 2019

Encontros de costura creativa

.

Os días 6, 8 e 10 de Agosto realizamos os encontros de costura creativa na antiga escola veciñal de Vilachá, Monfero, no marco das actividades de Historias de Vilachá 2019.
Os encontros xurdiron a partires do relato "A trenza loura do faiado", e tiñan como propósito reciclar as sabas vellas feitas nas casas da parroquia e transformalas noutras prendas.


O liño plantábase aquí na casa, e da planta logo sacaban o fío e facían nobelos.
Eu usaría as sabas de antes porque son preciosas, pero o tamaño non chega para as camas grandes que hai agora.
As sabas baixeiras ben se ve as que son, aínda que non teñan gomas, porque son máis grosas. Chamábanlles sabos, eran feitas só de liño. As sabas de arriba facíanse de algodón, e chamábanlles lenzos.

Para dinamizar a actividade contamos coa patronista Lydia Ramos, que preparou moitos posibles patróns para transformar as sabas, ensinounos recursos e axudounos no proceso de creación das prendas.



Transformamos a escola nun taller de costura, dispuxemos máquinas de coser, remalladoras, ferro, etc, e trouxemos os materiais necesarios de costura, tales como fíos, tesoiras, papel de patronaxe, regras; Así como elementos decorativos diversos como reberetes, bieses, vivos, etc, e selos para estampar.

Fixemos da escola un obradoiro de costura por unha semana, e eu fun todos os días, fun mesmo fóra das horas das clases, para ir avanzando coas miñas prendas, comenta un veciño.

Durante a semana de encontros de costura realizáronse diversas prendas como mandilóns, porta-bocatas, cortiña decorativa, fundas de móbiles, camisas e unha saia.
Algunhas veciñas levaron copias dos patróns para as súas casas para continuar facendo novas prendas.


Unha vez iniciados, agardamos continuar con estes encontros de costura creativa na escola, contando coa colaboración das veciñas de Vilachá, que tan ben aprenderon a coser na súa xuventude.







4 ene 2019

Historias de Vilachá.


(artículo en español aquí)

Historias de Vilachá é un arquivo de memoria local da parroquia de Vilachá, Monfero.
Un proceso que consistiu en compilar historias e anécdotas contadas polas veciñas, agrupalas, e facer con elas unha web, un mapa online e un libro que se regalou ás persoas da parroquia que participaron e ás que acudiron ao acto de presentación.
A actividade tivo un orzamento total de 9.454,03 € financiados integramente pola Asociación RuralC.
Nas entrevistas e visitas polas casas participaron 34 persoas. A media de tempo das visitas e entrevistas foi de catro horas por casa.
Visitamos persoas de diversas idades tendo especial atención ás máis maiores.
Ao acto de presentación acudiron unhas 60 persoas.
O noso traballo foi coller historias. Iamos polas casas e diciámoslles ás veciñas unhas collen a herba e outras as historias, para presentarlles o traballo que estabamos a facer, interrompendo o seu día a día na procura de historias. Axudamos nas labores que interrompemos e fomos ben acollidas en cada cociña que visitamos. A media de tempo das visitas e entrevistas foi de catro horas por casa, entrevistas que foron gravadas en audio e logo escoitadas e transcritas a texto. Visitamos persoas de diversas idades tendo especial atención ás máis maiores.
As visitas foron abrindo e confirmando fíos narrativos e as testemuñas recollidas serviron de fondo para irmos construíndo os diversos relatos.
Moitas destas historias e vivencias son comúns, e foron contadas por diferentes persoas. A nosa misión foi agrupalas, darlles unha estrutura e achegarlles algo de enxeño.
Na construción dos textos tratamos de manter a fala e as expresións da parroquia. As narracións están construídas como un relato común e compartido.
As historias trasládannos a diferentes pasados. Hai varios relatos que contan anécdotas de épocas moi antigas e recorren a documentación histórica como o Catastro de Ensenada. Moitos outros fálannos dos principios do século XX e das décadas dos 40, 50, 60, até chegar a actualidade. Acceder a estes pasados permítenos ter unha ollada temporal sobre o territorio e ter unha visión comparativa co presente.

 
O arquivo Historias de Vilachá é outro retrato social. Sitúa o patrimonio e a memoria dende as experiencias e emocións das persoas da parroquia, dende as diversas subxectividades cara unha subxectividade común. As historias que presentamos son soamente algunhas das que hai, son fragmentos das vidas, e probablemente están incompletas. Son relatos construídos entorno ao non catalogado, entorno ao patrimonio inmaterial que é o que lle imprime vida ao patrimonio material. Podemos atopar relatos sobre a cultura, o patrimonio etnográfico, antropolóxico e natural. Sobre o xeito de vivir da xente na parroquia antigamente, os hábitos, os oficios e os traballos, as crenzas, os animais e os cambios sociais e tecnolóxicos.

A web de Historias de Vilachá recompila os textos coas ilustracións, vídeos, e fotos de lugares e de documentación antiga.



Na páxina MAPA da web podes acceder a 3 mapas:
O mapa Historias de Vilachá en google maps, onde están situadas as fontes, os muíños, lavadoiros, petroglifos, algún outro patrimonio, e tamén as historias.
A Carta Xeométrica de Galicia; un mapa realizado non 1834 polo galego Domingo Fontán.
E o mapa do voo americano 1956-1957 no que podes entrar e ver como eran os lugares de Vilachá nesa data.


O Libro

É unha edición de 200 exemplares. Son para regalar entre as persosas veciñas que participaron no proceso e as que viñeron ao acto de presentación, mais a algunhas institucións ou bibliotecas. Se estás interesada en adquirir un libro manda u mail a hola@ruralc.com








A presentación
O día 30 de decembro de 2018 fixemos a presentación do arquivo na escola de Vilachá. Dende ás 17 até as 20 horas. Acudiron unhas sesenta persoas, a maioría veciñas da parroquia e outras de parroquias veciñas.
Estivemos ensinando como acceder á web e navegar no mapa e lendo os relatos que a xente elexiu.
Logo houbo un pequeno catering no que a xente comentou anécdotas e cadaquén colleu o seu libro adicado.
Moitas das adicatorias fixéronse ás familias, comezando polas persoas máis novas da casa até as persoas máis maiores.



Nos seguintes días estivemos entregando o libro ás persoas que participaron e non puideron vir a presentación, lendo con eles os relatos nas súas casas.

Futuro do arquivo de memoria

O arquivo que comezamos a facer no 2018 está inacabado. As historias están incompletas. As propias persoas coméntannos que, agora, tras visitalos e entrevistalos, lembráronse de moitas máis anécdotas. Tamén abríronse outros fíos para a investigación, como consultar os traballos, vídeos e gravacións de Carmelo Lisón Tolosana e de Fernández de Rota, antropólogos que xa andiveron pola parroquia anteriormente recollendo información e testemuñas.
O día da presentación abrimos o arquivo á participación e ideas das persoas veciñas. Ademais de seguir recollendo as historias, o plan para o 2019 é facer tamén algunhas actividades relacionadas coa memoria e as historias, como un obradoiro de reciclaxe de sabos e sabas, rutas para visitar os lugares e o patrimonio das Historias de Vilachá, como os petroglifos ou as fontes.



     Haiche máis historias que eucaliptos, díxonos alguén.
     Pero non hai quen as corte nin quen as pague, dixémoslle nós.